luns, 6 de marzo de 2017

A empresa INCA, adxudicataria das obras e da explotación da minicentral da Fábrica da Luz de Lugo, presentou unha nova denuncia penal contra varios membros da plataforma "Lugo de Cara ao Miño" por presunta coacción e por invadir supostamente unha propiedade que tiña alugada o pasado día 30 de agosto. Este día, a Policía Nacional, identificou a 9 persoas á petición da empresa, cando estaban a realizar unha concentración pacífica ás beiras do río Miño para poñer de relevo o impacto que a nova ataguía prevista por INCA ía exercer sobre unha especie en perigo de extinción, o nenúfar de río, que naquel momento abranguía toda a zona de actuación, na marxe dereita do Caneiro da Luz.
Paralelamente, aquel día e no mesmo lugar, a empresa INCA mantiña unha reunión con representantes da Confederación Hidrográfica, Xunta e do Concello. Ao lugar acudiron tamén, supostamente requeridos pola empresa, axentes da Policía Nacional, Policía Local, Policía autonómica e do Seprona, sen que en ningún momento os axentes dos diferentes corpos de seguridade advertiran aos membros da plataforma que estaban a acometer algunha infracción, falta ou delicto ou que estivesen a invadir un espazo privado. A este respecto, as persoas identificadas, permaneceron en todo momento en zona de dominio público.
As denuncias efectuadas contras as persoas que forman parte da plataforma Lugo de Cara ao Miño están baseadas nun suposto delito de coaccións, pero en ningún momento estas interromperon o paso ou a circulación sobre o terreo dos representantes da empresa ou das distintas administracións, nin tampouco intercambiaron palabras con eles, polo que non se entende como a empresa INCA pode alegar presunta coacción. Alén disto, quen formula a denuncia penal é o administrador único da empresa, M. García Gesto, quen non estivo presente no lugar dos feitos.
Estes feitos súmanse aos do xuizo celebrado o pasado 3 de febreiro, onde 3 das persoas novamente denunciadas, tamén foron acusadas de delitos semellantes polo mesmo denunciante.
Este venres 10 de marzo as 9 persoas van ser xulgadas. Haberá unha concentración diante dos xulgados ás 9:30.
Defender o Miño non é delito!
Asina o teu apoio aquí.
Consulta @s asinantes aquí.